Aruma Studios, creando videoxogos en glocal

Un ano máis, os videoxogos terán un papel moi importante na Maker Faire Galicia, realizando a terceira edición de nosa Game Maker Jam ou reservando toda a tarde o 2 de xuño para contidos deste sector. Durante esta xornada, aínda que tamén falaremos de accesibilidade, saúde mental ou mitos nos videoxogos, non queriamos desaproveitar a ocasión para coñecer como se pode crear un estudo desde 0 e nun contexto pouco favorable.

Para iso contaremos cun novo estudo que acaba de abrir en Galicia, Aruma Studios, formado por Rubén López, enxeñeiro de Google e Youtube durante os últimos 10 anos, e Silvia Izquierdo, produtora audiovisual.

Como din na súa páxina web, polo momento crearon tres xogos, un para web e dous para Android, aínda que actualmente están a traballar nun novo xogo para  PC. Como bos game  makers apóianse de software libre para facer os seus proxectos, neste caso utilizan  Blender, e encántalles crear xogos que reten intelectualmente aos seus xogadores/as.

Na súa intervención contarannos como é o proceso de facer un estudo de videoxogos independente en Galicia, como xurdiu a idea, as fases polas que pasaron, as aprendizaxes que sacaron ou como conectar cun público global.

Se che gustan os videoxogos e estás a pensar en montar o teu propio estudo, non te perdas esta charla, onde Rubén e Silvia poderán resolver tódalas túas dúbidas. Vémonos o 2 de xuño pola tarde!