Comunidade en liña Maker Faire Galicia

Visto con certa perspectiva, unha das cousas boas que trouxo a pandemia foi sacarnos da zona de confort e poñer a cabeza a traballar en buscar novas solucións. No noso caso serviu para quitarnos barreiras mentais e expor un formato en liña dun concepto tan físico como o das Maker Faire.

Grazas a isto a Maker Faire Galicia chegou a makers de máis de 50 países e hoxe en día temos máis de 4500 makers rexistrados/as na nosa plataforma en liña onde, por certo, xa están dispoñibles os contidos da edición 2021. Chegar a todos estes países fíxonos coñecer outras realidades que estamos seguros de que nos van a facer crecer a nivel persoal, como evento e como plataforma. 

Pero desde a organización queremos que esta comunidade siga crecendo e por iso hoxe anunciámosvos que a plataforma en liña da Maker Faire Galicia ofrecerá contidos durante todo o ano. Estes contidos estarán moi relacionados co mundo da innovación, o emprendemento, a tecnoloxía e o ecosistema maker e serán tanto charlas, como talleres ou outro tipo de actividades nas que compartiremos coñecemento en aberto. Gustaríanos que formes parte propoñendo estes contidos, así que se tes algunha suxerencia respecto diso convidámosche a que a fagas a través das nosas redes sociais.

O primeiro contido que ofreceremos será unha charla super interesante relacionada coa conexión cerebro-máquina, que organizarán os nosos amigos de NeuroTechGAL e o Citic. A charla celebrarase o vindeiro xoves 8 de xullo ás 18:00 horas (hora española), non a perdas!