Sétima edición da Maker Faire Galicia

Este ano a Maker Faire Galicia, unha das feiras maker máis importantes de Europa, celebrarase do 2 ao 6 de xuño e repetirá formato 100% en liña, tras o éxito da última edición celebrada no pasado mes de novembro nun Museo Gaiás virtual.

Nesta nova edición temos como obxectivo, ademais de ampliar o alcance tanto a nivel nacional como en Latinoamérica, chegar a todos os países de fala inglesa e poder ofrecer así un evento 100% global.

Do mesmo xeito que en anos anteriores contaremos con dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional, dúas xornadas abertas a todo o público e repetiremos cunha xornada específica do mundo da educación, despois do éxito que tivo na pasada edición. 

O programa será moi variado e contará con referentes e especialistas en distintas áreas de coñecemento. As xornadas profesionais, que se levarán a cabo os días 2 e 3 de xuño, organizaranse por sectores, poñendo en valor algúns nos que Galicia ten un gran potencial como son: a Dixitalización, a Biotecnoloxía, a Enerxía e os Videoxogos. 

O venres 4 de xuño, día no que se celebrará a xornada exclusiva de educación, os relatorios virarán ao redor da tecnoloxía e a innovación educativa. Ademais, os mellores proxectos dos centros educativos que se presenten competirán en tres categorías, minimakers (primaria), makers (secundaria e bacharelato) e makers pro (FP) para elixir ao máis innovador.

Por último nas xornadas abertas, os días 5 e 6 de xuño, haberá contido moi diverso relacionado con neurotecnoloxía, intelixencia artificial, robótica, ciencia, innovación social, do it yourself, arte, economía circular ou gaming.


Finalmente queremos anunciarvos que xa está aberto o “call for makers” ou chamada a proxectos, onde convidamos a empresas, centros educativos, asociacións ou makers a presentar os seus proxectos e poder ser seleccionados para participar no evento. O prazo para enviar proxectos estará aberto ata o 30 de abril e as inscricións realizaranse nesta ligazón: https://galicia.makerfaire.com/more/

A Maker Faire Galicia conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación, da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD).