Charlas

Sen inscrición previa

Contido gravado

Nesta charla, farei un percorrido pola miña traxectoria académica e profesional, compartindo anécdotas da miña vida que resultaron claves no meu desenvolvemento persoal. A miña mensaxe principal é a importancia de ser fiel a unha mesma para dedicarse a aquilo que nos fai feliz; no meu caso, a ciencia e a comunicación. Entre os puntos que abordarei atópanse: a importancia dos referentes na adolescencia, a eleción de carreira, as aprendizaxes do doutoramento, a miña (in)experiencia como profesora de Educación Secundaria e a miña faceta como divulgadora científica. 

Nuns tempos nos que parece existir unha obsesión pola especialización, eu reivindico as vantaxes da formación multidisciplinar para ser unha boa profesional. Neste sentido, as artes escénicas, os idiomas, a música, o baile, o voluntariado e a lectura, que me acompañou durante toda a miña vida, fixeron de min a científica e divulgadora que son hoxe en día.


 

 

 

Ponentes

Eva Cabanelas Dopazo

Eva Cabanelas (Ourense, 1988) é Doutora en Veterinaria, profesora de Ciencias e divulgadora científica. Bolseira da Fundación Barrié no ano 2015, realizou unha estadía de investigación no Instituto de Viroloxía e Inmunoloxía de Berna (Suiza). No ano 2019, obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela. Conta con diversas publicacións en revistas científicas e de divulgación na área de Sanidade Animal.

Semifinalista no concurso de monólogos científicos Famelab España 2017, gañadora do concurso de nanocharlas BCNspiracy 2020 e unha das promotoras do Concurso de monólogos científicos en galego Ciencia Calidade. Actualmente, combina o seu labor docente coa divulgación científica e a impartición de charlas e talleres en colexios e institutos. Colaboradora de XuvenCiencia, campamento científico para estudantes de secundaria que a USC realiza en Lugo, está a traballar no proxecto “Monólogos científicos no colexio” para achegar a divulgación científica ao ensino medio.


 

 


Con a colaboración de:

Todolos dereitos reservados. Maker Faire Galicia, 2024

Powered by Tu Evento Online