Charlas

Sen inscrición previa

Contido gravado

Un dos ámbitos onde a cultura Maker xerou máis impacto nos últimos anos é o educativo, permitindo que se democratizasen tecnoloxías para aplicar na aula en tempo récord e a un custo alcanzable.

Nesta mesa contaremos con representantes de diferentes centros galegos que contan cun espazo maker e forman parte do coñecido como bacharelato maker. Isto permitiranos coñecer a súa experiencia así como as vantaxes que supón este modelo ou as claves para unha boa integración.

 

Ponentes

Conchi Fernández

Son Conchi Fernández Munín, profesora de Tecnoloxía na Consellería de Educación da Xunta de Galicia aínda que actualmente desenvolvo o meu traballo desde unha asesoría de formación do profesorado ligada aos proxectos STEM/STEAM e á transformación de espazos educativos. Son creadora de contidos dixitais, cursos virtuais e teño experiencia en coordinación TIC e en equipos de traballo  así como en introducir o uso dos espazos  maker nos centros educativos.

Manéxome ben coa tecnoloxía e encántame  cacharrear, “argallar”, probar, enredar e sacarlle partido a todo o que cae na miña man, sexa máquina, robot ou ferramenta dixital.

Ultimamente atráeme moito a impresión 3D e a introdución da programación e a robótica en contornas educativas desde idades temperás.

A miña lema é aprender en calquera lugar e en calquera momento e de paso aproveitar para facer unha “evanxelización” dixital e promover a cultura maker.

 


Moisés Iglesias González

Son licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de tecnoloxía no IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela. Dentro do ecosistema maker teño intereses moi variados, entre elas o deseño e impresión 3D, as montaxes electrónicas con arduino e outras placas, a programación e a papiroflexia.


Raúl Valina Puente

Son profesor do departamento de Bioloxía e Xeoloxía no IES Monte Castelo de Burela. Antes disto dediqueime durante moitos anos a traballar como xeólogo, a miña formación de orixe. Gosto do traballo creativo e colaborativo, en especial todo o relacionado co audiovisual, que é a parcela á que mais me dedico dentro do Espazo Maker do meu centro.

 


Juan Carlos Pérez Mestre

Profesor superior de música e actualmente director do IES A Xunqueira II de Pontevedra. No noso centro estamos moi involucrados nos proxectos de innovación educativa e o espazo  Maker ou “polos educativos” (como agora vanos a chamar) é o punto de encontro para a maioría deles (SEMGal, Club de ciencia, talleres STEM, STEMBach, participación en feiras STEAM, Parlamento Xove, Plan Proxecta, Contratos-Programa…). Paréceme que a implementación destes proxectos dálle un plus ás clases, conseguindo involucrar un gran número de alumnado incluso fose do horario escolar.


Con a colaboración de:
Media Partners:

Todolos dereitos reservados. Maker Faire Galicia, 2020

Powered by Tu Evento Online