Proxectos

Colexio M. Peleteiro

Resumo do proxecto

Prototipo dun planeta orbitando unha estrela para simular o método do tránsito usado polos telescopios espaciais para detectar exoplanetas.

 

Quen realizou o proxecto?

Isabel Villar García e José Manuel Suárez López.

 

En que consiste o proxecto?

O método do tránsito é o máis utilizado para detectar exoplanetas e coñecer características destes astros. Neste proxecto móstrase un prototipo que simula o método do tránsito para comprender como os telescopios espaciais poden medir diferentes magnitudes de exoplanetas que se atopan a gran distancia de nós. Para isto utilizáronse materiais baratos e accesibles: unha bombilla fai de estrela, un pequeno motor fai xirar o planeta –unha bola de porexpán– arredor da estrela, un microcontrolador Arduino permite seleccionar a velocidade de xiro e, finalmente, un teléfono móbil mide a luminosidade da estrela para detectar os cambios na curva de luz cada vez que o planeta pasa por diante dela.


Cal é a finalidade deste proxecto?

Con este proxecto preténdese mostrar, de forma práctica e moi sinxela, como os telescopios espaciais detectan exoplanetas usando o método do tránsito, un método que ten gran relevancia hoxe en día na investigación espacial.

 

Como funciona o proxecto? (Tecnoloxías utilizadas, experiencia de usuario, etc.)

Utilizouse un microcontrolador Arduino para facer xirar o planeta arredor da estrela e así, cun potenciómetro, pódese seleccionar a velocidade de xiro do planeta. A estrutura que soporta o planeta fabricouse con pezas de madeira que formaban parte dun xogo de construcións. Para a estrela utilizouse un portalámpadas obtido dunha lámpada vella. A curva de luz do plantea obtense a través dunha aplicación que utiliza o sensor de luminosidade do teléfono móbil. O usuario pode cambiar a velocidade de xiro mediante o potenciómetro, ou o tamaño do planeta sen máis que cambiar a bola de porexpán por outra máis pequena, e deste xeito pódese ver como se modifica a curva de luz en función das diferentes características do planeta.

 

Que achega este proxecto á Comunidade Maker?

Este proxecto mostra os beneficios de aplicar un enfoque maker para aprender ciencia. Con esta maneira de traballar, unha vez proposto un problema os alumnos deben buscar información para propoñer unha posible solución, deciden que materiais van usar e como os van conectar e programar, e fan as probas necesarias para verificar se o prototipo funciona como esperaban. Así aprenden dun xeito que se semella ao método que seguen os científicos no seu traballo, engadíndose un factor moi motivador á hora de aprender ciencia.


Con a colaboración de:
Media Partners:

Todolos dereitos reservados. Maker Faire Galicia, 2022

Powered by Tu Evento Online