Proxectos

Grupo TALIONIS - CITIC - UDC

A realidade virtual permite xerar unha contorna de gran realismo, á vez que logra a inmersión do usuario no mesmo. A finalidade deste proxecto é empregar dita tecnoloxía para desenvolver escenarios que sirvan como ferramenta complementaria en terapias con persoas con diversidade funcional.

Os escenarios desenvolvidos ata o momento simulan situacións da vida cotiá, aínda que poderían centrarse noutros ámbitos como o laboral, e o de lecer e deporte.

Cada escenario configúrase en forma de proba cunha serie de obxectivos establecidos que o usuario deberá conseguir. Deste xeito, preténdese que a persoa que executa a proba senta motivada por alcanzar as metas desta á vez que adestra e mellora progresivamente as súas dificultades. Ademais, ao finalizar cada proba xerarase un informe con datos de interese sobre o problema para tratar que permitan ao terapeuta valorar a evolución do usuario.

A primeira aplicación desenvolvida foi o resultado do  TFG dun dos integrantes do grupo de investigación  TALIONIS, pertencente ao Centro de Investigación nas TIC (CITIC) da UDC, en colaboración coa entidade COGAMI. Esta aplicación conta con catro escenarios que simulan situacións da vida cotiá. Tres destes escenarios están orientados a tratar problemas de mobilidade nas mans como, por exemplo, o agarre de obxectos ou o movemento da boneca. O escenario restante está destinado a mellorar problemas de índole cognitivo, en concreto, a identificación de elementos para realizar unha tarefa común do noso día a día. Cabe destacar a interacción do usuario a través das súas mans, sen necesidade de mandos. Para iso, faise uso do dispositivo  Leap  Motion.

Actualmente, este grupo de investigadores está a desenvolver unha aplicación que permita fortalecer a musculatura abdominal en persoas en cadeira de rodas e están a estudar a creación dun simulador que permita adestrar o manexo dunha cadeira de rodas eléctrica.

Membros do equipo: Manuel Lagos Rodríguez,  Thais  Pousada García, Javier Pereira Loureiro e Anxo Gómez García.


Con a colaboración de:
Media Partners:

Todolos dereitos reservados. Maker Faire Galicia, 2020

Powered by Tu Evento Online