Proxectos

CITIC - UDC

Emprego de contornas virtuais para o traballo de habilidades físicas e cognitivas en poboación maior e persoas con diversidade funcional.

En que consiste? 

O obxectivo do proxecto e facer uso da realidade virtual (RV) para xerar contornas virtuais destinadas ao traballo de diferentes habilidades físicas e cognitivas en poboación maior e en persoas con diversidade funcional.

As contornas representarán espazos da vida diaria como poden ser as estancias habituais dunha vivenda, un supermercado ou un horto.

Nestes espazos proporase realizar diferentes tarefas baseadas en actividades do día a día. A finalidade é que a persoa adestre as súas habilidades físicas e cognitivas dun xeito seguro, ameno e motivador.

O son e as animacións terán un papel fundamental nos escenarios virtuais, proporcionando instrucións á persoa usuaria sobre os obxectivos da actividade, así como feedback durante a súa execución.

A avaliación do progreso da persoa na realización dunha actividade é unha cuestión importante. Por iso, considerase a incorporación de sensores que permitan obter datos sobre o movemento das diferentes partes do corpo, así como o rexistro doutra información de interese como o tempo de realización da actividade ou o número de erros ata acadar a meta. Esta información xunto á visualización en directo da actividade por parte do profesional sanitario pode ser de gran utilidade a hora de valorar o progreso da habilidade a traballar.

Cal é a finalidade?

A finalidade do proxecto é obter unha aplicación con varias contornas virtuais, nas cales se poida realizar un conxunto de accións relacionadas con actividades da vida diaria. Ditas accións permitirán o traballo de diferentes habilidades físicas e cognitivas dun xeito seguro, ameno e motivador.

Así mesmo, o obxectivo final e implantar esta ferramenta en centros e entidades do ámbito da diversidade funcional e que sirva como complemento nas sesións de traballo habituais.

Como funciona? 

Para o desenvolvemento e programación das contornas virtuais estase a usar Unity e como equipo de realidade virtual unhas lentes HTC VIVE Pro 2. Non obstante, tamén se considera a súa implementación no dispositivo Meta Quest 2.

Que achega a Comunidade Maker?

Dar a coñecer as posibilidades que pode ofrecer a realidade virtual (RV) na promoción do envellecemento activo e na rehabilitación de persoas con diversidade funcional. Así mesmo, este proxecto pode dar pe a futuras ampliacións ou adaptacións por parte de Comunidade Maker.

Quen realizou o proxecto?

Grupo de investigación TALIONIS – CITIC - UDC

Páxina web https://talionis.citic.udc.es/

Con a colaboración de:

Todolos dereitos reservados. Maker Faire Galicia, 2024

Powered by Tu Evento Online