Unha das boas noticias que nos deixará o 2020 é como unha comunidade de makers autoorganizada axudou ao sistema sanitario de todo un país nos peores da pandemia. Como homenaxe a todos estes heroes e heroínas anónimos/as, celebraremos esta mesa, moderada polo gran César García, onde intercambiaremos visións e aprendizaxes sobre o ocorrido nun momento tan crítico.
Nela tamén falaremos do que está a ocorrer no momento actual e das perspectivas de futuro que ten este movemento, tanto no sector saúde como no resto de sectores produtivos.
Enxeñeiro Técnico en Deseño Industrial especializado en impresión 3D e fabricación dixital, a súa andaina comeza en 2012 cando descubriu esta tecnoloxía e funda Makergal, empresa a través da cal empezou a desenvolver as súas propias impresoras así como a prestar servizos relacionados coa impresión 3D, actualmente dedícase ao desenvolvemento tanto de proxectos propios como externos, todos enfocados no uso de tecnoloxía Open source.