Este proxecto, levado a cabo por investigadores do CITIC-UDC, consiste no desenvolvemento dun complemento para Unity que permita a implementación de sistemas multiaxente en Unity, un dos motores de videoxogos máis utilizados, permitindo a comunicación entre axentes que facilite a cooperación, negociación e coordinación dos mesmos.
Os sistemas multiaxente son sociedades de axentes intelixentes especializados en resolver partes dun problema. Estes axentes poden cooperar ou competir polos recursos, polo que é necesario desenvolver un sistema que lles permita negociar, coordinarse e cooperar.
O noso proxecto outorga a Unity un sistema de comunicación entre axentes que consta de tres puntos crave: A estrutura das mensaxes, un sistema para crear, enviar e recibir mensaxes e un sistema para a xestión das conversacións.
Para mostrar o funcionamento do sistema desenvolveron unha contorna virtual de exemplo cun problema do tipo depredador-presa onde un sistema multiaxente, no papel de gardas de seguridade, deberá elaborar unha estratexia colaborativa para capturar a un xogador humano, no papel de ladrón, nun edificio.
Membros do equipo: Alejandro Rodríguez, Bertha Guijarro e Noelia Sánchez.