Os nosos mobles nacen nas frías augas atlánticas onde a madeira se volve forte resistindo o embate das ondas. Madurando á mercé do océano.
Creamos mobles artesanais con madeira de batea recuperada despois de máis de 25 anos de inmersión nas Rías Galegas.
Deseñámolos con tecnoloxía de vangarda e fabricámolos con acabados naturais para conseguir fermosas xoias que perduran no tempo.
Mobles únicos feitos a man, con alma galega e esencia de mar. A súa madeira curtiuse deixándose levar polo vaivén das ondas, absorbendo o cheiro a sal e impregnándose da tradición de Galicia. Sabendo que todo o que está a vivir é só unha parte dunha vida máis plena, que comeza onde remata a súa función no océano.
Esta convivencia co mar confírelle á madeira de batea unha personalidade única, cunha textura irrepetible, de gran valor estético e unha resistencia especial froito do seu vínculo co entorno.Como un sabio cheo de experiencia que sabe que aínda ten moito que ofrecer, a madeira de batea regresa á terra.
Chega curtida pola forza das augas oceánicas para sanar as súas feridas no noso fogar.
Todas as pezas son seleccionadas e certificadas co lugar de procedencia e as datas nas que comezaron e finalizaron o seu servizo no mar.
Elaboramos un coidado proceso artesanal de limpeza, eliminación de cravos e tratamento da madeira. O procedemento realízase de forma natural, sen usar produtos químicos. Cando o material repousa na calma, durante uns meses, está preparado para volver camiñar.
Transformámola nunha peza nova, singular e exclusiva creada de forma artesanal. Son mobles de autor traballados con detalle nos que incorporamos a innovación para conseguir deseños únicos.
Realizamos o noso labor coa forza que nos ofrece a natureza, con moito respecto polo entorno e cunha declaración de amor ao planeta. Cada peza leva consigo un firme compromiso co medio ambiente, a ética e o comercio xusto.
A madeira que usamos para realizar o noso mobiliario viviu a máis pura tradición da terra galega e vivirá moitos anos máis nos nosos fogares.
Reimaxinamos o material do pasado para deseñar o futuro. Mobles que combinan historia, artesanía, madeira de calidade e innovación nos nosos fogares.
Os meus primeiros recordos xa están ligados á madeira, xogando con ela na carpintería do meu pai, veráns de estudante axudándolle, fabricando as miñas primeiras pezas e... case sen decatarme, reabrín a carpintería familiar no 2008 ata o 2014. Despois durante anos, percorrín múltiples países e unha chea de cidades de todo o mundo traballando para as empresas máis importantes de ebanistaría e do sector contract, tiña claro que quería un cambio. Quería crear un proxecto que tivese alma, que fose auténtico e do cal Galicia fose o eixo central. Quería reivindicar o valor do auténtico, do traballo ben feito, a conciencia. Demostrar a importancia do tempo ante a era da inmediatez actual. Quería un proxecto con valores, que fose máis alá de buscar o mero rendemento económico.
Despois de darlle moitas voltas decateime de que se algo é Galicia, é mar.
E que mellor forma de homenaxear a Galicia e a toda a xente do mar, que recuperando a madeira das bateas que adornan as nosas rías durante máis de dúas décadas. O carácter do océano atlántico impregnao todo, moldeando a nosa personalidade ao igual que o fai o mar con cada viga destas bateas. Cada peza é inigualable e única, cada veta e cada fenda está chea do esforzo e do carácter do noso mar e da nosa xente, son pezas cheas de historia.
Todolos dereitos reservados. Maker Faire Galicia, 2024
Powered by Tu Evento Online