Todos os obradoiros da Maker Faire Galicia 2021

Queda menos dun mes para a Maker Faire Galicia 2021 e xa podemos comezar a anunciar algunhas das actividades que pechamos para esta edición.

Xornadas Profesionais (mércores 2 e xoves 3 de xuño)

Se tiveches unha idea xenial, pero ao pensar en como trasladala ao mundo real xurdíronche un montón de dúbidas xurídicas, non te preocupes! LegalTech axudarache co seu taller sobre “Como montar unha empresa e non morrer no intento” onde tentarán que o código Civil sexa o teu novo mellor amigo.

Se queres familiarizarte co uso das criptomoedas e formar parte desta nova economía non podes perder o taller práctico impartido por Antonino Comesaña de Agalbit, entrarás en contacto coa comunidade cripto da man de expertos.

No momento en que nos atopamos, é esencial contar cun software de xestión avanzado baseado na nube que facilite a comunicación entre os nosos/as compañeiros/as. Por iso, Jorge Vázquez de Sinerkia ofreceranos un taller sobre o software Odoo.

Un ano máis volveremos contar con Belén Pérez e David González, que nos explicarán como aplicar a ciberseguridade no noso día a día, completando así a excelente formación que deron na Maker Faire Galicia 2020.

Xornada de Educación (venres 4 de xuño)

Durante a xornada de educación tamén contaremos con numerosos talleres e actividades, que farán as delicias de profes e alumnos/as de todas as idades, a continuación comentamos algúns dos máis destacados.

Da man de Alquimétricos e o seu taller “Alquimistas de plástico” aprenderás sobre economía circular e a través da reciclaxe de bolsas de plástico construirás un icosaedro, a estrutura xeodésica fundamental. A diversión e a aprendizaxe están aseguradas neste taller, que contará con outra sesión nas Xornadas Abertas da fin de semana. 

Desde VermisLAB propoñen un taller moi interesante para introducirse no mundo da robótica a través da contorna virtual VEX, permitindo así aos/as profesores/as non depender de ter a tecnoloxía fisicamente na aula para ensinar robótica.

Dani Sanz, de juegosrobotica.es, achegaranos a Micro: BIT a través da plataforma  MakeCode de Microsoft e mostraranos o seu potencial educativo creando videoxogos.

De novo volvemos contar este ano con Ferrán Fábregas, que nos explicará como ensinar robótica a través do Método RIE. Este taller terá lugar ás 17:30 e require inscrición previa, os/as 5 primeiros/as en facelo recibirán na súa casa un KIT totalmente gratuíto da man de  Marcombo. Se queres ser un/a de os/as afortunados/as podes inscribirte no taller picando aquí.

Tamén contaremos este ano cun taller de Pensamento computacional e modelado/impresión 3D da man de Artur Coelho, quen nos ensinará a modelar en dispositivos móbiles ou tablets.

Deseño e Son, pola súa banda, ensinaranos a crear mapas táctiles en impresión 3D, un proxecto inclusivo que levan tempo desenvolvendo en colaboración coa fundación ONCE,  Aspronaga e Aspanaes; onde utilizan a tecnoloxía como ferramenta de axuda para atender necesidades especiais e visibilizar outras realidades. 

Da man de Carmen Núñez introducirémonos no mundo da Intelixencia artificial con Machine Learning for Kids. Imperdible!

Nilson Fabían Díaz Martinez, Catedrático na Universidade Libre Cali, ensinaranos a transforma residuos sólidos reciclables en material tanxible de baixo custo no seu taller "Soluciones Maker de baixo custo con recursos educativos dixitais CAD".

Ademais este ano contaremos co Edu Open Space, un evento para reflexionar sobre a educación no que os asistentes sodes os propios protagonistas. Partindo da innovación educativa como eixo central, cada un de vós podedes propoñer unha temática relacionada que vos interese para debater durante o evento. Poderedes enviar as vosas suxerencias a través deste formulario ata o 26 de maio.

Por último, desde a Maker Faire Galicia queremos darlle á creación e desenvolvemento de videoxogos o protagonismo que se merece, e para iso imos organizar a nosa segunda Game Maker Jam.

Xornadas Abertas (sábado 5 e domingo 6 de xuño)

Nas xornadas abertas, que se celebrarán os días 5 e 6 de xuño, tamén teremos unha gran variedade de talleres para todos os públicos, os cales, como nas xornadas anteriores, serán totalmente gratuítos.

LegalTech, volve co taller “Como non liala parda sendo creativa: propiedade intelectual for dummies”, onde dunha forma moi amena achegarannos á propiedade intelectual e a todas as cuestións xurídicas que afectan o día a deía dos/as makers, con casos prácticos, resúmenes de normas e moita, moita información legal.

VermisLAB tamén estará presente nas xornadas abertas, ofrecéndonos talleres de introdución ao desenvolvemento de videoxogos básicos; ciencia espacial e creación de foguetes; electrónica creativa con plastilina condutiva e, finalmente, hologramas DIY.

Contaremos de novo coa Ludoteca Dixital da man de Chafarís, a actividade perfecta para os/as máis pequenos/as da casa.

Por último, o domingo pecharemos cun taller sobre visión por ordenador utilizando redes neuronais, impartido por Ana Julia Escobar, membro activo do laboratorio de IA de Schlumberger. Terminamos ao grande! :D

Os horarios dos diferentes talleres en directo poderás consultalos na plataforma durante a feira, así poderás organizarte e gozar de todo o contido que temos preparado para este ano 2021.

Nas próximas semanas actualizaremos este post con máis novidades, así que permanecede atentos/ as :)