A historia de Elena Ferro é a de alguén que, cunha visión innovadora e un profundo respecto pola tradición, foi quen de darlle unha nova vida a un dos produtos máis emblemáticos da artesanía galega: os zocos de madeira. O que para moitos era un simple calzado rural, Elena converteuno nun símbolo de modernidade e estilo, adaptado ás esixencias da moda actual e sen perder a súa esencia artesanal.
O 8 de novembro, Elena participará na Xornada de Oficios da X edición da Maker Faire Galicia coa charla Dignificar un oficio, na que compartirá a súa traxectoria e a súa visión sobre a importancia de renovar os oficios tradicionais para adaptalos ao mundo actual. Ademais, falará sobre os retos de manter a autenticidade e, ao mesmo tempo, innovar nun sector tan ligado á historia e á cultura.
Elena pertence á terceira xeración dunha familia dedicada á elaboración de zocos de madeira desde 1915. Coa súa marca Eferro, Elena transformou a percepción deste produto, tradicionalmente asociado ao mundo rural e ao traballo do campo, e converteuno nun accesorio de moda cunha gran carga de creatividade e innovación.
A súa traxectoria como artesá foi recoñecida con importantes galardóns, entre os que destacan o Premio de Artesanía Antonio Fraguas e o Premio Nacional de Artesanía 2019. Estes recoñecementos poñen en valor o seu traballo incansable por dar a coñecer e dignificar un oficio tradicional, á vez que o adapta aos tempos actuais.
Non perdas esta oportunidade de escoitar a unha das grandes referentes da artesanía galega!