Álvaro Indias: Un influencer no mundo dos oficios

Nos últimos anos, boa parte das conversas sobre oficios tradicionais xiraron arredor de dous grandes retos: a escaseza de profesionais cualificados e a falta de relevo xeracional. Na Maker Faire Galicia somos conscientes desta realidade, e por iso decidimos contribuír á solución organizando unha xornada dedicada especificamente a estes oficios.

Este ano celebramos por primeira vez unha Xornada de Oficios, cuxo principal obxectivo é poñer en valor a importancia destas profesións e conectar coas novas xeracións, demostrando as numerosas oportunidades que ofrecen no mundo actual.

Se hai alguén que está conseguindo este obxectivo a nivel nacional é Álvaro Indias Salguero. Co seu enfoque creativo e a súa capacidade de conectar co público novo, Álvaro soubo poñer en valor a artesanía tradicional a través das redes sociais e outras canles. O vindeiro 8 de novembro teremos o privilexio de contar con el na nosa xornada especial de comercios polo 10 aniversario da Maker Faire Galicia, onde participará como relator e realizará un obradoiro de construción paramétrica.

Álvaro Indias Salguero é un artista e emprendedor con máis de dez anos de experiencia. A súa paixón por traballar con diferentes materiais, sempre cun enfoque artístico e de deseño, levouno a crear Arteotro Workshop, un espazo onde a creatividade flúe en cada proxecto e que comparte activamente a través das redes.

Ademais, Álvaro é o organizador do Spanish Maker Camp, onde Makers de toda España se reúnen durante unha semana para crear proxectos con diversos materiais e técnicas que despois comparten coa comunidade.

Enxeñeiro en Informática pola Universidade de Estremadura, Álvaro complementou a súa formación co Deseño Gráfico e Audiovisual, que aprendeu de forma autodidacta. Ademais, formouse en Modelismo na Escola de Artes e Oficios Adelardo Covarsí, onde perfeccionou as súas habilidades durante catro anos.

O seu estilo de comunicación é natural e relaxado, combinando profesionalidade cunha dose de autenticidade e humor, tanto diante como detrás da cámara. "Gústame mostrar o meu traballo con personalidade propia", di Álvaro, cuxa paixón polo que fai é inconfundible.