Funcionamento da plataforma en liña da Maker Faire Galicia 2021

A poucos días de que dea comezo a Maker Faire Galicia 2021, gustaríanos compartir contigo algunhas novidades e detalles de funcionamento da nosa plataforma en liña, para que desta forma poidas gozar ao máximo da experiencia.

Como na edición anterior, unha vez fagas login na plataforma terás dúas posibilidades de navegación, por unha banda a clásica, que é a que está dispoñible nestes momentos na páxina, e doutra banda o 3D, que habilitaremos xusto antes de que dea comezo o evento.

Para gozar de todos os contidos, desde acceder a unha videochamada en directo cun expositor, ver unha charla ou participar nun taller, simplemente terás que acceder á ficha do mesmo. Unha vez alí pulsa o botón de “conéctate en directo” no horario correspondente ou “contido gravado” en calquera momento e poderás acceder ao contido. Ademais disto e co propósito de que aproveites ao máximo a Maker Faire Galicia 2021, desenvolvemos un par de novidades que che comentamos a continuación.

Novo sistema para solicitar reunión:

Durante as xornadas da industria habilitamos un sistema de axenda co que terás a posibilidade de reservar cita previa, no horario que teñas máis dispoñibilidade, cos creadores dos 10 proxectos seleccionados.

O funcionamento é moi sinxelo, unha vez que te loguees na plataforma, só terás que ir ao expositor co que queiras reunirte e pulsar o botón de solicitar reunión. Aí poderás elixir entre os slots dispoñibles e pulsar o que mellor se adapte á túa dispoñibilidade. Nese momento chegaralle un mail ao expositor que che confirmará a hora da reunión.

Novo chat para interactuar cos expositores:

Nesta edición e durante todas as xornadas, imos incorporar á ficha de cada expositor unha xanela de chat, para que poidas interactuar con el e ter unha canle alternativa á videochamada. Igual que no caso anterior, para utilizalo necesitarás loguearte na nosa plataforma.

Esperamos que goces de todas as novidades desta edición! :D