Gitanjali Rao, a maker que quere resolver os grandes problemas da humanidade

A facilidade do acceso á información coa chegada da internet así como a democratización tecnolóxica, cambiou as nosas vidas totalmente e revolucionou o mundo da innovación. Se nos últimos tempos xa se falaba de que estabamos ás portas dunha nova era moito máis dixital e interconectada, a pandemia terminou de ratificalo.

Neste cambio de era no que nos atopamos, imos necesitar novos modelos de consumo, novas tecnoloxías ou novas fontes de enerxía pero sobre todo necesitaremos novos/ as líderes que nos marquen o camiño para resolver os grandes retos da humanidade. Por iso, este ano fomos a buscar á que estamos seguros que vai ser a líder de toda unha xeración e que representa mellor que ninguén o que os/as  makers e a súa filosofía podemos facer polo mundo, non é outra que  Gitanjali  Rao.

En 2020 e con só 15 anos, saltou á fama a nivel mundial por ser a primeira nena que saía na portada da revista Time, pero a historia desta  maker empezou moito antes. 


Con tan só 10 anos e tras ver nas noticias o que pasou en  Flint ( Michigan) coa contaminación da auga con chumbo, empezou a investigar como detectar de forma rápida este elemento na auga. Desenvolveu un produto chamado Tethys a partir de  nanotubos de carbono cunha placa de Arduino que enviaba un sinal a unha  app móbil por  bluetooth.

 

A partir de aquí viñeron outros proxectos como unha ferramenta que axuda ao diagnóstico da adicción a  opioides ou unha aplicación ( Kindly) que a través da intelixencia artificial axuda a detectar o  ciberacoso.

En paralelo a todo isto  Gitanjali realizou tres charlas TED e mentorizou a máis de 57000 estudantes de todo o mundo axudándolles a desenvolver proxectos que axuden a resolver problemas sociais.

Algúns dos recoñecementos que recibiu nos últimos anos son o Discovery  Education 3 M Young  Scientist  Challenge (2017),  Premio Xuvenil Ambiental do Presidente da Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos (2018), premio principal de «saúde» polo desafío estudantil de innovación  TCS  Ignite (2019) ou ser nomeada pola revista Forbes un dos mozos menores de 30 anos máis influentes do mundo.

Este ano teremos a honra de contar con  Gitanjali durante a xornada educativa que se celebrará o venres 3 de xuño, onde compartirá coñecemento con todos os presentes e seguirá inspirando a unha xeración que estamos seguros que vai cambiar o mundo. non vola perdades!