Keisha Howard, referente mundial en diversidade e inclusión nos videoxogos

Se de algo estamos orgullosos na Maker Faire Galicia é de ser un dos eventos Maker que máis aposta pola diversidade e a inclusión en todos os ámbitos. Como nos gusta pensar ao grande, este ano ocorréusenos chamar á porta dunha referente a nivel mundial neste aspecto e que traballa nunha das industrias máis potentes e influentes, a dos videoxogos. Ela é Keisha Howard e estará connosco na edición 2021 da Maker Faire Galicia.

Keisha (Chicago,1984) é a fundadora de Sugar Gamers, unha comunidade de apaixonados/as dos videoxogos e a cultura Geek que promove a diversidade e a inclusión nun sector no que a miúdo isto non está contemplado.

Ademais disto, con dúas charlas TED no seu curriculum, Keisha é unha coñecida speaker en todo o mundo e unha adiantada ao seu tempo, que é capaz de visualizar por onde pode ir a industria dos videoxogos, os Esports e a tecnoloxía. 

Durante estes anos Keisha traballou con compañías como SYFY,  Watchmojo, AT& T, HBO, Nintendo, HTC, Microsoft ou Google, entre outras.

Para ela os videoxogos son moito máis que lecer, son un sistema de ideas e procesos que poden inspirar ás persoas e movelas á acción.

Se o 3 de xuño pola tarde (hora española) tiñas algún plan, xa o estás cancelando porque teremos á gran Keisha Howard en directo na Maker Faire Galicia :)