Paco Ayala, o  change  maker detrás de Horto Roma Verde

Aínda que estes dous últimos anos non houbo Maker Faire Galicia de forma física, aproveitamos ben o tempo e ampliando moito nosa comunidade, sobre todo en  latinoamérica. Un dos grandes descubrimentos foi o proxecto Horto Roma Verde, situado en Ciudad de  Méjico e liderado polo activista  socioambiental Paco Ayala.

En setembro de 1985 houbo un gran terremoto en Ciudad de  Méjico que fixo que caesen moitos edificios. Algúns deles xeraron espazos abandonados durante anos, coma no caso do solar onde se atopa hoxe en día o Horto Roma Verde, que o estivo durante 27.

Paco Ayala, que se define como un  hojalatero social, tras ver o que estaba a pasar con ese espazo, liderou á comunidade local para construir un proxecto común que o recuperase e os conectase coa natureza.

Así naceu Horto Roma Verde, un laboratorio  biosocial de innovación que traballa a través da  permacultura, o coñecemento de pobos orixinarios ou o movemento  maker e que busca crear modelos rexenerativos para o planeta. Neste espazo resolven os seus problemas a través do deseño participativo, cren na  autogestión e traballan ao redor dun paradigma  sistémico que os está levando a ser independentes  enerxéticamente.


A día de hoxe e 10 anos despois do seu comezo, este espazo é xa unha referencia a nivel mundial e están a escalar o seu modelo a outras zonas xeográficas, a partir de todo o coñecemento xerado durante esta década.

O próximo 4 de xuño e durante as xornadas abertas teremos connosco a Paco Ayala, que nos falará en detalle deste proxecto tan inspirador e co que tanto podemos aprender.