Nos últimos tempos, o mundo Maker está a facerse cada vez máis coñecido para o público xeral, algo que para todo o ecosistema é moi positivo. Se o 2020 foi o ano da Comunidade Maker, o 2021 é sen dúbida o de Valeria Corrales, unha Minimaker de 12 anos de Huesca que deixou alucinando a media España coa súa aparición no talent show máis visto do mundo. Aquí podedes ver a súa aparición estelar en Got Talent España.
Aínda que saír en televisión e en horario de máxima audiencia axudoulle a ser máis coñecida, o certo é que Valeria leva catro anos compartindo coñecemento en aberto a través de Valpat STEAM. Con esta canle de Youtube, creada xunto á súa profesora Patricia Heredia, buscan inspirar a outras nenas para que vexan o divertida que pode ser a tecnoloxía.
A pesar da súa curta idade, xa foi recoñecida con numerosos premios froito deste traballo de divulgación. Aos 10 anos foi nomeada Inspiring Girl of the Year pola Fundación Inspiring Girls e no 2020 foi elixida mellor alumna de secundaria de STEM de España, nos STEM Talent Awards.
Este ano teremos a honra de contar con esta pequena Gran Maker durante a xornada de educación, que se celebrará o venres 4 de xuño. Na súa charla Valeria contaranos como se interesou polo mundo maker, a súa experiencia en concursos a nivel internacional ou a súa mencionada actuación en Got Talent, onde deixou con esta cara ao mesmísimo Risto Mejide :)