Xa está aquí a 8ª edición da  Maker  Faire Galicia!!!

Este ano a  Maker  Faire Galicia dá a benvida ao mundo híbrido do 1 ao 5 de xuño, tanto no Museo  Gaiás da Cidade da Cultura como na nosa plataforma en liña, nunha edición onde queremos celebrar o reencontro de toda a Comunidade  Maker.

Tras o peche do  Call  for  Makers o pasado xoves 31 de marzo, podémosvos adiantar que para esta edición teremos máis de 60 proxectos de diferentes partes do mundo, moi diversos e cun nivel altísimo. 

Como xa é tradición, levaremos a cabo os  pitchs de proxectos tanto nas xornadas da industria como nas educativas, onde xurados especializados valorarán todos os proxectos seleccionados elixindo aos máis destacados. Nas xornadas abertas será o público o que elixa os seus proxectos favoritos, os cales se anunciarán ao final do evento, o domingo 5 de xuño.

Xunto aos proxectos, os relatorios serán outro dos pratos fortes do evento e este ano teremos referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos das  startups, a educación  STEAM, a saúde mental, a sustentabilidade, a inclusión ou a innovación social. 

Pepe Martín,  CEO de  Minimalism,  Gitanjali  Rao, TED  Talker e a primeira nena do ano da revista Time ou Paco Ayala, fundador do proxecto Horto Roma Verde, son algúns dos relatores que compartirán coñecemento connosco.

Entre a oferta de talleres desta edición destaca unha nova edición da  Game  Maker  JAM, os talleres  STEAM a cargo de  VermisLAB e o proxecto  Code Week, así como algunha que outra sorpresa que desvelaremos en breve. Nas próximas semanas lanzaremos a oferta de talleres para que poidades apuntarvos con tempo e non quedarvos sen praza.

A 8ª edición da  Maker  Faire Galicia celebrarase no Museo  Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o  Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa  colaboración da Fundación  Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ( FECYT) - Ministerio de Ciencia e  Innovación.

Lembrade que o rexistro de asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberto e é totalmente gratuíto.